Wednesday 08 de May de 2024

‘O galego campa!’ chegou durante xullo e agosto a preto de 1200 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos da Xunta de Galicia para dinamizar a lingua galega na mocidade


A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude pechan a quinta edición do programa que levou actividades de xincanas e contacontos a 17 campamentos de verán

‘O galego campa!’, o programa dirixido á mocidade participante nos campamentos de verán da Xunta de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude para dinamizar o galego na mocidade, chegou por medio de xincanas e contacontos que se desenvolveron durante os meses de xullo e agosto a 17 campamentos de verán nos que participaron un total de 1193 rapazas e rapaces.

A quinta edición do programa viu ampliadas as súas propostas de promoción do uso do galego na xente nova con respecto ás anteriores e incluíu como novidade un repositorio dixital de materiais e actividades dinamizadoras dirixidas ao monitorado do tempo libre que estará accesible de maneira permanente desde os webs institucionais www.lingua.gal e www.xuventude.net.

As actividades chegaron desde mediados de xullo ata onte ás diferentes quendas organizadas nos campamentos xuvenís Furelos (Melide, A Coruña), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra), Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), Area (Viveiro, Lugo), Espiñeira (Boiro, A Coruña), As Sinas (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), Mariña Española (Bergondo, A Coruña), Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo) e á Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense). Neles participaron durante o mes de xullo 885 rapaces e rapazas, 534 fixérono ata mediados de agosto.

Xincanas lingüísticas e contacontos como ferramentas de dinamización do galego
‘Galicia, terra de artistas’ foi a xincana lingüística que chegou aos campamentos de verán da Xunta de Galicia, unha proposta baseada en xogos e probas que combinan as habilidades física, lingüística e intelectual para achegarlle á rapazada a lingua por medio da canción, da poesía ou do teatro e para dar a coñecer os persoeiros máis ilustres, os fitos máis importantes ou os feitos máis senlleiros da nosa propia historia.

Desenvolveuse nos campamentos Espiñeira (Boiro, A Coruña), As Sinas (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), Mariña Española (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense) e tamén na Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense).

Paralelamente, o Consello de Galegos Ilustres (integrado polos dinamizadores Brais Fernandes e Xavier Mugardos) levaron os seus contacontos en formato acústico de guitarra e voz “Historia máxica de Galicia”, “Xan e Perillán”, “Visita do Consello de Galegos Ilustres” e “Rosalía, unha meniña” aos campamentos Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), Mariña Española (Bergondo, A Coruña), Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra), Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) e Area (Viveiro, Lugo).

Repositorio dixital de materiais para traballar lingua, tempo libre e mocidade
Alén destas actividades presenciais de dinamización lingüística nos campamentos e na liña das primeiras edicións do programa, nas que se distribuíron e se ofreceron en aberto xogos de fichas de actividades e o disco ‘Desaparafusador de gominola’ e se incluíu formación específica de dinamización lingüística para directores de campamento e monitorado, ‘O galego campa! 2015’ puxo en marcha desde os webs www.lingua.gal e www.xuventude.net un novo repositorio dixital de materiais e propostas específicas para traballar lingua, mocidade e tempo libre, pensadas para o monitorado con descarga libre e de balde, aínda accesible.

Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16
‘O galego campa!’ desenvolveu, no marco do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16 deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha das 11 medidas que teñen por obxectivo o fomento da lingua galega entre a xente nova nos diferentes ámbitos sociais, ao tempo que lle dá cumprimento ás directrices da Lei de Xuventude de Galicia (2012) e ás do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).